Wednesday 01 de May de 2024

O CAD pon o foco na contorna como elemento terapéutico coa colaboración de DS Smith Cartogal


Persoas usuarias do CAD situado na Pobra do Caramiñal, tanto do Servizo de Atención Temperá coma do centro ocupacional, atópanse inmersos dende este mes de abril nun proxecto educativo-medioambiental que pon o foco na contorna como elemento terapéutico. Esta iniciativa lévase a cabo ao abeiro dun convenio con DS Smith Cartogal, para o cal a empresa aporta preto de 5.000 euros; acción que se ratificou coa entrega dun chegue simbólico por parte do manager da factoría, José Ramón Pardavila, á concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, e á directora do centro, Julia Rial.

A edil subliña que conflúen aquí dous compoñentes: fomentar un planeta máis sustentable e a terapia de integración sensorial. “A natureza inflúe positivamente no noso benestar, por iso, dende o CAD, decidimos traballa-la estimulación sensorial a través da mesma. Algo significativo dado que tendemos cada vez máis, sobre todo, a mocidade, a estar moi presentes no mundo virtual e reaccionar a estímulos dixitais. Buscamos, polo tanto, reconectar co mundo real. A estimulación sensorial a través de espazos exteriores contribúe ao desenvolvemento cognitivo e o benestar emocional das persoas participantes. E, ao mesmo tempo, aprenden sobre a importancia do respecto e coidado do medio ambiente”, declara Cerecedo.

Séguese unha metodoloxía baseada en tratamentos individualizados e grupais, de forma lúdica, explorando o mundo sensorial e emocional no medio natural, segundo explica a directora do CAD, Julia Rial.

Actividades sensoriais, de orientación, xogos de control e equilibrio, observación de aves, taller de xardinaría ou a aprendizaxe sobre as tres R (reducir, reutilizar e reciclar) son algunhas das propostas que se realizarán ata finais de ano cunha terapeuta ocupacional especialista en integración sensorial, co apoio do equipo profesional do CAD. Por exemplo, a semana pasada desprazáronse ata a contorna das Xunqueiras para contempla-a flora e fauna e recolectar recursos para traballar despois nas aulas.

En representación de DS Smith Cartogal, o seu manager José Ramón Pardavila indica que esta colaboración se atopa dentro da liña de responsabilidade social corporativa da empresa, sempre coa vista posta na sustentabilidade. “Nós sempre buscamos ter un uso dos recursos naturais de forma coherente e aportar aos nosos clientes unha solución de packaging sostible en todo momento”, precisa.

Deja un comentario